Propiedades dos Solos de Galicia

"Establecemento dun sistema experto de base tecnolóxica para a cuantificación de propiedades de solos en Galicia (EM2012/060)".
Proxecto financiado pola Xunta de Galicia dentro do Programa de Investigadores Emerxentes na convocatoria 2012 (Investigador Principal: Luis Rodríguez Lado; luis.lado@usc.es).

Na actualidade, hai una crecente demanda de información ambiental precisa, actualizada e xeoreferenciada para a implementación de medidas harmónicas de protección ambiental. Este aumento na necesidade de información coincide con un actual desenvolvemento de tecnoloxías que permiten melloras substanciais na colleita, procesamento e xeneralización de datos a partires de medidas puntuais. No caso dos solos, a integración das Ciencias do Solo, Matemáticas e Ciencias Geo- Computacionais levaron ao desenvolvemento da disciplina coñecida como "Digital Soil Mapping" (McBratney, 2003), centrada na creación de modelos predictivos para a estimación espacial de propiedades do solo. Esta disciplina está fortemente implantada en países como Holanda, Francia, Estados Unidos, Australia e Brasil, e en institucións como a FAO, a Comisión Europea e a Axencia Europea de Medio Ambiente, onde técnicas de captura directa e de estimación estadística de datos de solos estanse a desenvolver. No caso de España en xeral, e de Galicia en particular, os datos sobre a distribución espacial en continuo de propiedades dos solos son escasos, e a carencia de grupos de investigación nacionais implicados neste tipo de estudos implica que a dispoñibilidade de estimacións cuantitativas de propiedades dos solos a medio e longo prazo sexa nula ou dependa exclusivamente de xeneralizacións feitas por grupos de investigación no estranxeiro.

O principal obxectivo do Proxecto é a creación de un conxunto de bases de datos xeoreferenciadas, en forma de mapas dixitais a alta resolución espacial, xeradas por medio de métodos de inferencia estatística a partir de observacións de campo, datos de laboratorio e parámetros ambientais auxiliares.